As 8 rapazas mentorizadas en “Descúbreas” lanzan os seus temas nas plataformas dixitais

Hoxe estréanse “Despiértate”, de Caro, e “Cosas de Descartes”, de Amparo, que se suman aos outros 6 temas gravados e producidos no programa de mentorización

08/09/2022

Despois da súa preestrea na gala de clausura da 2ª edición de “Descúbreas”, celebrada no exterior do Pazo provincial o pasado xullo, todos  os temas musicais das 8 rapazas que participaron no programa de mentorización do proxecto xa están dispoñibles para todo o público nas principais plataformas dixitais de streaming de audio e vídeo. Hoxe foi a estrea dos 2 últimos temas da factoría Descúbreas 2022 en ser lanzados: ‘Despiértate’, de Caro, e ‘Cosas de Descartes’, de Amparo.

Caro reflexiona no seu debut ‘Despiértate’ sobre as inseguridades dunha persoa adolescente que se ten que enfrontar á decisión, á hora de formular o seu futuro máis inmediato, de seguir os seus soños ou polo contra ir cara ao ‘seguro’. Carolina Lemos subiu a un escenario por primeira vez aos 11 anos, con só 13 compuxo unha canción contra a violencia machista que soou en bucle durante toda unha xornada no seu instituto e xa ten traballado gravando coros con Lara Rodríguez (Broken Peach) ou Diana Tarín.

Amparo estréase de xeito profesional na industria musical co tema ‘Cosas de Descartes’, malia que leva anos recibindo formación musical e interpretativa: de feito, xa ten participado en varios musicais, acadando nalgúns deles a responsabilidade de dirixir as coreografías.

Un verán de intensa promoción musical coa estrea doutros 6 temas

Marina Vigo foi a primeira participante en estrear o seu tema como integrante da banda Cantometrics. ‘Chifro’ é unha interesante proposta que recupera e revisiona o arquivo sonoro de Alan Lomax substituíndo o chifre pola gaita, acompañada de marimba, acordeón e percusións. O vídeo foi gravado nos exteriores do museo Meirande de Redondela e o tema defende a necesidade de deixar que as músicas tradicionais se expresen libremente no século XXI sen esquecer as fontes das que parte.

Silencio’ é o título do tema de Sara Casas, un clamor pola necesidade de buscar a harmonía vital, de conectar coa natureza de forma espiritual e consciente. ‘Silencio’ é o adianto do EP que publicará proximamente Casas, algunhas de cuxas cancións xa estreou nas súas actuacións en directo e que conterá unha amalgama de sons de influencia galega, portuguesa, andaluza e inglesa.

Sara Baños forma coa tamén viguesa María Lago a banda Todo mal, que gravaron no marco de Descúbreas o seu sinxelo ‘Guiri en mi ciudad’. A canción de indie pop homenaxea a cidade de Vigo desde a óptica dunha veciña que a visita coa mesma óptica que como o faría unha persoa turista: Samil, o Sereo, o MARCO ou o alcalde Abel Caballero forman parte do paisaxe vigués que amosa o grupo no vídeo. Hai uns meses Todo mal chamou á atención de Radio 3 ao publicaren o tema ‘Chica integral’. Xa están traballando no seu primeiro EP.

A Riso é o nome artístico de Alba Nogueira, que acaba de estrear no marco de Descúbreas o seu tema ‘I eu?’, un canto á resistencia e á loita pola defensa dunha voz propia para as mulleres no ámbito das artes, xa que continúa a ser silenciada, e tamén á reivindicación cunha cultura diversa e igualitaria. ‘I eu?’ fala da impotencia ante as miradas cheas de prexuízos, da desigualdade e da inxustiza. Nogueira xa está a traballar no seu EP debut, que se publicará en 2023, gravación que compaxina coa súa carreira como actriz.

Impuntual’ é o título do tema lanzado por María Gabeiras, unha balada pop sobre a multitude de oportunidades que se lle pode dar a unha persoa sen que esta as aproveite: “unha persoa sempre impuntual, nunha estación na que xa non a estás esperando”. ‘Impuntual’ non é o primeiro sinxelo de Gabeiras, que xa se dera a coñecer durante a corentena co seu traballo ‘Pequeñas historias’ gravado en Vigo.

Ane Swan lanza a súa carreira con só 16 anos e estréase, ademais, cun tema en inglés: ‘Queen among shadows’. A artista máis nova da 2ª edición de Descúbreas bebe de influencias estadounidenses como Ariana Grande, Taylor Swift e Dove Cameron, e ofrece neste debut unha mostra de apoderamento feminino que anima as mulleres a aumentar a confianza en si mesmas.

A través de “Descúbreas”, desenvolvido en colaboración con Regalamúsica, a Deputación de Pontevedra actúa para reducir a fenda de xénero na industria musical dándolle a oportunidade a 8 rapazas e mozas da provincia a formarse e dar os seus primeiros pasos profesionais neste ámbito. A mentorización inclúe a gravación dun tema e dun vídeo musicais e a planificación e promoción do seu lanzamento real ao mercado.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.