#IGUALDADE

AQUÍ FALTAN PÁXINAS 2023

Historias de mulleres galegas extraordinarias que non sempre saen nos libros

Aquí Faltan Páxinas é unha colección de relatos sonoros onde se narran episodios fundamentais da nosa historia protagonizados por mulleres galegas extraordinarias que non sempre saen nos libros.

 


Nesta primeira antoloxía coñeceremos os logros de doce grandes mulleres que nalgún momento da súa traxectoria vital e profesional tiveron relación coa provincia de Pontevedra. Mulleres que xogaron un rol importante na construción da sociedade que hoxe somos e da que soñamos para as próximas xeracións.

Cada mes publicarase un podcast acompañado dun roteiro virtual que percorrerá os puntos máis importantes da biografía da protagonista do mes dentro da provincia de Pontevedra. Para presentar cada relato sonoro co seu correspondente roteiro, organizaranse faladoiros nos que participarán persoas expertas nas vidas destas mulleres. As conversas celebraranse en localidades da provincia que teñan un especial significado na traxectoria de cada unha delas.

MULLERES


Contar toda a historia

Ás veces a historia que vén nos libros non é a historia real, senón a seleccionada por un autor. A historia ten que completarse, necesita contarse enteira. Faltan aínda moitas páxinas por escribir. Necesitamos rescatar os episodios protagonizados polas mulleres para que se poida falar de historia universal. A contribución das mulleres foi fundamental para o desenvolvemento da humanidade. Xa é tempo de reclamar o sitio que nos corresponde e de sentírmonos orgullosas dos esforzos e das loitas das nosas antecesoras.

Á procura de referentes femininos

Crecemos cun déficit alarmante de referentes femininos. Os libros de historia que se utilizan nas nosas escolas aínda constrúen unha visión subxectiva e parcial do mundo. Parece que só os homes participaron nos feitos que conforman o noso pasado e que, polo tanto, só eles influíron na construción das nosas sociedades actuais. Porén, a realidade é ben distinta, as mulleres fomos axentes activas xunto aos homes, participamos nos cambios sociais e xeramos coñecemento. Mais as nosas achegas non foron rexistradas.

Recuperar as mulleres na historia non é só unha cuestión de xustiza; tamén é educar en igualdade mostrando referentes de mulleres en roles distintos ao tradicional de coidadora, porque estivemos e estamos en todos os ámbitos da vida. Somos científicas, artistas, escritoras, enxeñeiras, filósofas, cirurxiás, guerreiras….

Sigamos completando o quebracabezas histórico para avanzar no camiño da igualdade. Só recuperando esta xenealoxía e coñecendo as mulleres que fixeron historia teremos unha visión real do noso pasado e un camiño claro cara ao futuro.