Ibuprofeno Teatro leva “O mel non caduca” este domingo a Soutomaior no marco do ciclo escénico da Deputación

A función, con entrada libre ata completar aforo, terá lugar no Multiusos de Arcade e está dirixida ao público mozo e adulto

14/10/2023

O Multiusos de Arcade, no concello de Soutomaior será escenario este domingo, 15 de outubro, da actuación de Ibuprofeno Teatro, que porá en escena a obra “O mel non caduca” no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 18:30 horas e a entrada será libre ata completar o aforo.

Dirixido a un público mozo e adulto, “O mel non caduca” está protagonizada por Marián Bañobre e Avelino González, cun texto de Santiago Cortegoso. A peza aborda a relación do ser humano cos obxectos, a degradación ecolóxica do planeta e a obsolescencia programada, “tanto de produtos como de persoas”, a través de dúas tramas. Na primeira, amosa a dous científicos que en 2173 levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado e no que tratan de crear sinteticamente unha abella a partir del último tarro de mel que se conserva. Na segunda, dous irmáns reencóntranse trala morte da súa nai e as discrepancias xorden cando deben xestionar as pertenzas familiares.

Marián Bañobre e Santiago Cortegoso fundaron no 2010 Ibuprofeno Teatro co obxectivo de contar cunha estrutura de creación propia para emprender proxectos escénicos dunha maneira independente. Nas súas propostas, adoitan experimentar para falar de temas que afectan ao ser humano contemporáneo, a través de personaxes que buscan a súa identidade individual nun contexto social globalizado e complexo.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.