Humor, música, cine, tradición e baños de bosque na programación provincial desta fin de semana

Arrancan os “Bosques Terapéuticos” con dúas rutas polo Lago de Castiñeiras e a Carballeira de San Xusto, e as actividades no Castelo de Soutomaior cun obradoiro sobre mitoloxía popular

14/04/2023

Tradición, humor, cinema, música e baños de bosque mestúranse desde este venres 14 ao domingo 16 de abril na programación que ofrece a Deputación de Pontevedra nos distintos concellos da provincia. Así, nesta fin de semana arrancarán os programas “Bosques Terapéuticos” nos concellos de Marín, Vilaboa e Cerdedo-Cotobade e tamén “Mouras e Meigas” no Castelo de Soutomaior, mentres que o ciclo “Cómicas, habelas hainas” chegará a Forcarei, o programa “José Gil, pioneiro do cinema galego” ata Covelo e o Musigal a Mos.

Os baños de bosque do programa Bosques Terapéuticos iniciaranse o sábado cunha ruta polo Lago de Castiñeiras, situado nos municipios de Marín e Vilaboa, e continuarán o domingo 16 pola Carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade. En ambos casos comezarán ás 10 horas e as prazas para participar están xa todas esgotadas.

A figura do pioneiro do cinema galego, José Gil, estará presente no concello de Covelo, con actividades para todos os públicos. O proxecto chega este venres á vila con actividades no auditorio municipal e o sábado estará instalado na praza Mestre Cerviño o Cinemóbil, que conterá os 16 paneis explicativos sobre o cineasta, que abordan a súa biografía e traxectoria na fotografía. Ás 13:00 horas haberá unha sesión vermut con música en directo, na que a Banda de Música Popular de Rubiós interpretará un programa composto por músicas relacionadas coa vida de Xosé Gil, e, desde ás 17:00 horas, haberá no Auditorio Municipal proxeccións audiovisuais sobre as súas obras conservadas.

O humor chegará co ciclo Cómicas, habelas hainas ao Auditorio de Soutelo de Montes, en Forcarei, o sábado, ás 19:00 horas. Ofrecerán os seus monólogos Jazmín Abuín, Marta Doviro e Arantxa Treus, coa presentación a cargo de Bárbara Grandío. E, por outra banda, Mos acollerá a actuación de Juan Pardo Tributo o domingo, dentro da programación de Musigal.

Tamén comeza este domingo (ás 11.30 horas) o programa Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior cun obradoiro sobre a mitoloxía popular da provincia que explorará a orixe de mitos como a Coca, o Cobregón, o Lobishome, a Galiña de Ouro, a Santa Compaña, a lavandeira, os mouros, os trasnos, o Apalpador ou as meigas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.