Agolada acolle este venres a función Nabiza girl, a cargo de Isabel Risco, ao abeiro do ciclo teatral da Deputación

A actriz protagonizará esta peza no auditorio municipal, ás 19:00 horas, nunha función con entrada libre ata completar a capacidade

09/11/2023

A actriz Isabel Risco protagonizará este venres 10 de novembro no auditorio municipal de Agolada a función Nabiza girl, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 19:00 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

Dirixido e protagonizado pola actriz Isabel Risco, este espectáculo de narración para público adulto amosa a historia de Chelo García Naveira, máis coñecida como Nabiza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e poderes que, como ela asegura, “proveñen do sulfato de cobre”.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.