Tanxarina Títeres leva “As bombas e o xeneral” a Cambados da man do ciclo de teatro da Deputación

A función terá lugar este martes 24 de outubro, ás 19:00 horas, no auditorio municipal e está dirixida a público infantil e familiar

23/10/2023

O Auditorio Municipal de Cambados acolle este martes 24 de outubro a obra As bombas e o xeneral, un espectáculo de Tanxarina Títeres que chega no marco do “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 19:00 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

No espectáculo recréase, con siluetas animadas, música e actores, a historia dun xeneral que quere organizar unha guerra e, para iso, conta cun arsenal de bombas atómicas. Os átomos, sabedores das intencións do militar, deciden fuxir a un lugar mellor, frustrando as intencións do seu xefe. A obra de Tanxarina Títeres, pensada para un público infantil e familiar, aborda este tema de actualidade para concienciar as e os máis pequenos dos danos que provocan as guerras e as súas consecuencias.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos doutros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.