Os Náufragos Teatro pon en escena este sábado na Guarda, a obra Hugo, ao abeiro do ciclo teatral da Deputación

A posta en escena desta peza, que aborda a diversidade, terá lugar ás 18:00 horas no salón de actos do Centro Cultural, con entrada libre ata completar a capacidade

 

10/11/2023

O Centro Cultural da Guarda acollerá este sábado 11 de novembro a función Hugo, a cargo da compañía Os Náufragos Teatro, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación dará comezo ás 18:00 horas no salón de actos do centro e a entrada será libre ata completar a capacidade.

A peza teatral, dirixida ao público infantil e familiar, aborda a diversidade a través de dúas persoas: Hugo, un neno a quen lle gustan moito os avións e ten trastorno do espectro autista (TEA), e Laia, unha nena neurotípica a quen lle gusta falar e coidar das plantas. Hugo foi galardoada co Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil en 2022, ademais de ser un dos espectáculos seleccionados en FETÉN 2022 e en Galicia Escena PRO 2022 e unha das obras recomendadas pola Rede de Teatros Vascos SAREA. A obra está dirixida por Gustavo del Río e conta cun texto creado co asesoramento e colaboración da Asociación Galega de Síndrome de Asperger (ASPERGA).

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas”, a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.