140 nenas e nenos de 26 concellos gozarán na Lanzada da décima quenda dos campamentos de “Depo Aventura”

As e os pequenos de entre 8 e 13 anos participarán en actividades lúdicas e formativas ao longo de seis días nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten no Grove

26/08/2023

Depo Aventura A Lanzada

Desde este domingo 27 de agosto ata o próximo sábado 2 de setembro, un total de 139 nenas e nenos de 26 concellos da provincia participarán na décima quenda dos campamentos de “Depo Aventura A Lanzada”. Ao longo desas seis xornadas, grazas á Deputación de Pontevedra desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas que contribuirán ao seu enriquecemento persoal e a que coñezan lugares fóra da súa contorna habitual.

Nesta décima quenda de “Depo Aventura”, das 71 nenas e 68 nenos (nados entre 2010 e 2015) 88 proceden de Vigo, 10 de Pontevedra, 6 de Redondela, 4 de Gondomar, 4 de Marín,  3 de Cuntis, 3 de Nigrán, 2 de Meaño, 2 de Tui, 1 de Agolada, 1 de Baiona, 1 de Barro, 1 de Cangas, 1 da Cañiza, 1 de Covelo, 1 de Forcarei, 1 do Grove, 1 de Mos, 1 de Pazos de Borbén, 1 de Poio, 1 de Ponteareas, 1 do Porriño, 1 de Salvaterra de Miño, 1 de Sanxenxo, 1 de Soutomaior e 1 de Vilagarcía de Arousa.

A Deputación ofrécelles ás nenas e aos nenos do campamento un programa de actividades que, baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, está destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto pola natureza e o seu coñecemento, e tamén a dinamización da contorna. Ademais, a cativada realizará un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de “Depo Aventura” 2023, as crianzas farán excursións relacionadas coa natureza e co coidado do medio.

Nesta edición de “Depo Aventura”, que se desenvolve ata o 9 de setembro, participarán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia divididos en once quendas.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.