O espectáculo “Silforiña” chega este martes ao castelo de Sobroso ao abeiro do programa da Deputación “Tras as Ameas”

O grupo Golfiños combina música e narración nunha actuación pensada para toda a familia que terá lugar ás 19:00 horas

31/07/2023

Música e narración envolverán o Castelo de Sobroso este martes 1 de agosto co espectáculo Silforiña, de Golfiños, un concerto cheo de emocións para maiores de 3 anos que se enmarca no programa provincial Tras as Ameas, co que a Deputación de Pontevedra está a encher de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso este verán. A actuación comezará ás 19:00 horas e nela o grupo, formado por Elena Paz Alonso, Jesús Moares Lameiro e Javier Ricardo Álvarez Fernández, contan a historia de Silforiña, unha nena que mira a vida a través da súa ventá.

Desde a súa casa, Silforiña imaxina a cantidade de emocións e historias que pode atopar fóra: unha viaxe en barco, somerxerse nun poema, asustarse co ouveo dun lobo ou camiñar baixo a luz da lúa de noite. As cantigas dos Golfiños intentarán axudar a Silforiña a perder o medo e facer o seu propio camiño nun espectáculo que fala de superación e dos soños da infancia a través da música.

Tras as Ameas arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

Ademais de Silforiña, no mes de agosto hai outras cinco actividades programadas: O circo Glamping de SU.MA., o 3 de agosto en Soutomaior; o concerto Paxaro amigo. Músicas para a paz de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense Nino & Mambrú de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; a actividade de maxia Superheroe de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso, e o obradoiro Lingoreteira de Xarope Tulú o 29 de agosto tamén en Sobroso.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.