As Donas levan o espectáculo “Dear Caroline” a Ponte Caldelas nun novo concerto de “Música no Ar”

A actuación promovida pola Deputación de Pontevedra terá lugar este sábado 5 de agosto ás 20:30 horas na igrexa de San Martiño de Xustáns

03/08/2023

A igrexa de San Martiño de Xustáns de Ponte Caldelas acolle este sábado 5 de agosto, ás 20:30 horas, o espectáculo “Dear Caroline”, do grupo As Donas, ao abeiro do programa cultural “Música no Ar”, promovido pola Deputación de Pontevedra para levar a música clásica e de cámara a diversos espazos patrimoniais da provincia. O proxecto que interpretará o grupo As Donas está inspirado nunha das compositoras contemporáneas máis recoñecidas do momento, a norteamericana Caroline Shaw.

As Donas é un grupo de cámara que investiga o repertorio musical das mulleres compositoras de todos os tempos. Inspirada no mito renacentista das damas de Ferrara, obrigadas a realizar os seus concertos en secreto na cortes europeas, esta formación naceu co obxectivo de visibilizar o papel das mulleres na historia da música e poñer en valor un patrimonio musical escondido. O grupo está formado por María José Pámpano, violín e dirección artística; Elena Vázquez, violín; Aída López, viola; Macarena Montesinos, cello, e Hogar Legido, percusión. Pola súa banda, Caroline Shaw é gañadora de prestixiosos galardóns como o Premio Pulitzer da Música en 2013 ou o Grammy en 2022. Esta compositora e destacada violinista é capaz de conxugar a linguaxe clásica coa contemporánea para chegar a novas audiencias.

Con “Música no Ar”, a Deputación de Pontevedra está a programar ao longo deste verán quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Tralo paso pola igrexa de San Martiño de Xustáns este sábado, a iniciativa continuará en agosto no Castelo de Sobroso (o día 8), no xardín da Igrexa de San Martiño de Bueu (o día 18), na Igrexa de San Pedro de Crecente (o día 19), no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas (o día 24) e na Igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei (o día 27). En setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no Castelo-fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (o día 9) e outro no Santuario da Franqueira da Cañiza (o día 10).
 

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.