Vila de Cruces gozará este sábado dunha nova velada de música clásica no marco do programa “Música no Ar”

A Praza da Igrexa será o escenario que acollerá o recital do Quinteto de Metais da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra a partir das 21h

30/06/2022

A Praza da Igrexa de Vila de Cruces será escenario este próximo sábado 2 de xullo, a partir das 21 horas, dunha nova actuación da terceira edición do programa “Música no Ar”, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

Nesta ocasión, o protagonista da noite será o Quinteto de Metais da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, unha agrupación musical composta por: Ainara González (trompa), Eduardo Narciso Seoane, Miguel Adrián Pazos (trompetas), Carlos Cabaleiro (trombón) e Francisco Javier  Lavía  (tuba). Este quinteto pontevedrés formado por músicos profesionais cunha ampla experiencia no mundo da interpretación e a docencia, conquistarán ao público con pezas como The Washington Post de John Philip Sousa, Guillermo Tell  de Gioachine Rossiniou Danza húngara núm. 5 de Johannes Brahms entre outros.

“Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.