Sés ofrece este sábado un concerto en Valga ao abeiro do programa da Deputación Musigal

A actuación da cantautora galega terá lugar ás 23 horas na Área fluvial de Vilarello

28/06/2023

Musigal. A cantautora Sés en Valga

A cantautora Sés ofrecerá na noite deste sábado 1 de xullo un concerto en Valga, ao abeiro do programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua. A actuación está prevista para as 23 horas e terá lugar na Área fluvial de Vilarello.

Neste concerto, Sés, considerada  como unha das principais referentes da escena musical galega, na que destaca polo seu carisma, a calidade das súas letras e o seu poderoso directo, centrará o seu espectáculo no seu oitavo traballo discográfico, Diante un eco. O título fai referencia á concepción cíclica da historia e supón para Sés unha volta aos inicios, pero desde o oficio e a madureza, e sobre todo unha sólida reafirmación na estética popular da que a cantora se considera amante e debedora, sen complexos e sen renunciar á calidade poética que a caracteriza.

Sés basea o seu éxito na súa forza persoal e nun discurso valente, contundente e directo. A súa música viaxa entre ritmos americanos do norte e do sur, repensados en galego e en feminino. Licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, medrou musicalmente no folclore tradicional galego e no seu estilo mestura ingredientes que conseguen un resultado orixinal e xenuíno: rock’n’roll, tradición galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana, desde unha actitude punk e con letras elaboradas, honestas e viscerais, que cuestionan o establecido e chaman pola unión e a dignidade.