O espectáculo “Juan Pardo Tributo” chega este sábado a Dozón da man do programa da Deputación “Musigal”
O Mosteiro de San Pedro de Vilanova acollerá o espectáculo protagonizado por Antonio Barros e Lys Pardo
02/06/2023
O programa “Musigal” da Deputación continúa enchendo de música a provincia. Nesta ocasión, o Mosteiro de San Pedro de Vilanova, en Dozón, acollerá mañá sábado, ás 17.00 horas, o espectáculo “Juan Pardo Tributo”, no que se recordarán algunhas das súas cancións máis recoñecidas a través da unión de dous artistas consagrados, como Lys Pardo (filla de Juan Pardo) e Fernando Calderón, con dous novos valores do panorama galego, como son Antonio Barros e iAlma. Trátase dun formato que mestura pezas en acústico con arranxos únicos, sempre respectando a esencia da música orixinal do cantautor pero reinterpretados por este cuarteto e a singularidade das súas voces, e no que o 70% do repertorio é en galego.
As actuacións continuarán este mes de xuño nos concellos de Cerdedo-Cotobade (con Laroá), Barro (con PELEPAU Sinfónico), A Estrada (cun concerto de Monoulious DOP), e Pontecesures (cunha actuación de WÖYZA&The Galician Messengers). Ao abeiro do programa “Musigal”, que arrancou o pasado mes de abril, aínda están previstas outras 39 actuacións en 39 concellos da provincia. “Musigal” ten un orzamento de 500.000 euros, cos que a Deputación de Pontevedra aboa os custos de caché dos espectáculos e os concellos sufragan a produción técnica.
