O ciclo teatral da Deputación chega a Poio coa “Romería Zombie” de Nelson Quinteiro Producións

A función terá lugar este sábado 28 de outubro, ás 18:00 horas na praza da Granxa de Campelo e está dirixida ao público infantil e familiar

27/10/2023

A praza da Granxa de Campelo, no concello de Poio, será escenario este sábado 28 de outubro, a partir das 18:00 horas, da Romería zombie, un espectáculo de Nelson Quinteiro Producións que chega no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A cita enmárcase tamén na programación do Concello de Poio con motivo do Samaín.

A Romería zombie é un espectáculo de variedades que dinamiza un serán de defuntos a cargo dun equipo multidisciplinar de sete artistas. Haberá pintura ao vivo, unha escenografía que se vai compoñendo en directo, un pregón desde o alén, danzas macabras, cantos de ultratumba e incluso un desfile zombi. A función está dirixida ao público infantil e familiar.

Nelson Quinteiro Producións é un proxecto cultural e artístico desenvolto por Nelson Quinteiro Roa no que conflúen máis de 20 anos de formación e experiencia no mundo artístico, tanto como profesional nos escenarios coma na xestión e consultoría de contidos culturais.

​Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.