Presentación da X Carreira Vigo contra o Cancro que organiza cada ano a Asociación Española Contra el Cáncer

19/09/2023

Presentación da X Carreira Vigo contra o Cancro

 

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asistiu no Corte Inglés de Vigo á presentación da X Carreira ‘Vigo contra el Cáncer’ que se celebrará en Coia o próximo 15 de outubro. A vicepresidenta puxo o foco en que “os vigueses somos un pobo cunha grande implicación social e moi xeneroso”, en alusión aos máis de 208.000 euros recadados nas nove edicións anteriores, e asegurou que “despois de case unha década esta proba é un pouquiño de todos os vigueses, forma xa parte da nosa idiosincrasia”. Fernández-Tapias agradeceu a organización, nomeadamente a presidenta da asociación, Rosa Soliña, pola visibilización que dá a carreira “á necesidade de que o persoal investigador estea dotado de fondos para atopar cura a esta enfermidade”. Este ano a recadación irá ao proxecto Liquid Pancreas, liderado por persoal do hospital Álvaro Cunqueiro. “Coa súa profesionalidade e dedicación sabemos que os fondos estarán en boas mans”, sinalou a vicepresidenta provincial, polo que fixo un chamamento á cidadanía para que “sumemos forzas e o 15 de outubro volvamos ver unha marea azul polas rúas de Coia que o inunde de solidariedade”.