Redrum Teatro pon en escena este sábado #2Pilgrims en Bueu, ao abeiro do ciclo teatral da Deputación

O Centro Social do Mar acolle ás 20:00 horas a representación desta obra protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, con entrada libre ata completar a capacidade

10/11/2023

A compañía Redrum Teatro porá en escena este sábado 11 de novembro en Bueu, a función #2Pilgrims, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación dará comezo ás 20:00 horas no Centro Social do Mar e a entrada será libre ata completar a capacidade.

Dirixida ao público mozo e adulto, a peza está protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, que se interpretan a si mesmos nun hipotético ocaso das súas carreiras, despois de recibir recoñecemento polos seus traballos na televisión. Ela protagonizara a serie Acacias 38, e el foi o neno de Pratos combinados. No contexto dun mundo caótico, grazas á globalización, ás redes sociais, a Netflix e a un ditador psicópata, teñen con #2Pilgrims unha última oportunidade para retornar ao firmamento de estrelas da TVG. O Camiño de Santiago, a igualdade e as novas masculinidades serán os temas principais deste novo proxecto, unha aventura cativadora que poderá catapultar as súas carreiras á actualidade internacional.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.