Luis López anuncia que o luns se publicarán as axudas de igualdade para concellos e entidades sen ánimo de lucro, que neste 2026 estarán dotadas con medio millón de euros
As axudas para os concellos de menos de 20.000 habitantes contan cun orzamento de 260.000 € e van dirixidas a mellorar a atención integral ás vítimas da violencia machista, así como para axudar a mulleres vulnerables e impulsar a súa formación e orientación
16/01/2026
Luis López acaba de anunciar en conferencia de prensa que este luns, 19 de xaneiro, se publicarán as axudas dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e ás entidades de iniciativa social para o fomento da igualdade, que neste 2026 estarán dotadas con medio millón de euros. “Inicialmente -explicou o presidente- as axudas ascendían a 460.000 € pero decidimos incrementar ata chegar aos 500.000 €, case un 9% máis, avalando, unha vez máis, o compromiso deste goberno coa igualdade e coa loita contra a violencia machista”.
Por unha banda, 260.000 € irán dirixidos aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Con estes recursos, os gobernos locais poderán impulsar iniciativas que permitan mellorar a atención integral ás mulleres vítimas da violencia machista e ás súas fillas e fillos, así como axudar ás vulnerables e impulsar a súa formación e orientación.
No que respecta a entidades sociais sen fins de lucro, as axudas chegarán neste 2026 aos 240.000 €, tras ter incrementado a contía en 40.000 € respecto aos 200.000 previstos inicialmente. Cos recursos provinciais, as entidades poderán poñer en marcha programas de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero, así como iniciativas para atender ás súas vítimas ou programas dirixidos a mulleres vulnerables ou con dificultades e actividades para o fomento da igualdade.
