A oficina de turismo do Casal de Ferreirós, en Poio, dixitalízase con novos investimentos da Deputación

Verá renovado seu modelo de atención ao público cunha revolución tecnolóxica que incorpora 19 “beacons” repartidos polo municipio e unha pantalla táctil

25/08/2022

OT Poio

O compromiso da Deputación de Pontevedra para a dixitalización das oficinas adheridas á Rede Info Rías Baixas chega tamén ao Casal de Ferreiros, en Poio. A oficina poiense beneficiarase desta iniciativa, encadrada no programa europeo “Tourist Inside” e que lle permitirá contar con elementos dixitais que avalan un novo modelo de atención ao turismo. Ata ela achegáronse a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e os tenentes de alcalde Gregorio Agís e Silvia Díaz, nunha visita na que comentaron os cambios que veñen.

A oficina aposta pola dixitalización da experiencia do/a turista que se achega a pedir información coa incorporación dunha pantalla dixital de 55 polgadas na que ofrecerá información do destino Pontevedra provincia mediante a interconexión coa Rede Info Rías Baixas. Ademais, disporá dunha tableta na que as persoas visitantes poderán realizar enquisas de satisfacción. O salto ao mundo dixital non só atinxirá á oficina, senón que chegará a distintos puntos do municipio coa colocación de 19 “beacons”, unhas balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

No ano 2020 esta oficina acadou a “Q” de Calidade turística, un distintivo que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e que converte á oficina nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

OT Poio

A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.