#DEPORTE

A provincia do deporte

“A provincia do deporte” é moito máis que un lema: é unha aposta firme e estratéxica por consolidar o deporte como motor de desenvolvemento social, educativo e económico en Pontevedra.


Dentro das nosas liñas de acción principais, destaca o novo proxecto de escolas deportivas “O noso club”, deseñado para fomentar o deporte de base na provincia, co que se innova na maneira de acompañar as e os máis novos no seu crecemento persoal e deportivo e que se presenta para nove modalidades (atletismo, baloncesto, balonmán, judo, loita, piragüismo, rugby, patinaxe e taekwondo) repartidas por todo o territorio provincial.

A Deputación reforza, ademais, o seu compromiso cos eventos deportivos, colaborando cada ano en máis de 500 citas a través de subvencións (eventos, bens e servizos) e patrocinios. Este apoio continuado sitúa Pontevedra como un referente organizativo en Galicia e no conxunto do Estado.

A esta aposta súmanse as bolsas para deportistas de alto nivel, que lles permiten ás nosas e aos nosos talentos deportivos competir nas mellores condicións. Actualmente son máis de 400 as e os atletas catalogados coa marca de deportistas de alto nivel e con concesión de bolsa, o que converte Pontevedra na provincia de Galicia con maior número de deportistas de alto nivel.

Tamén destacan as axudas á formación de mulleres en postos de adestradoras e árbitras, para impulsar a igualdade real e o liderado feminino no ámbito deportivo.

Como gran novidade, por primeira vez, a Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Deportes, lanza unha liña de subvencións para sufragar os custos derivados da adquisición ou adaptación de vehículos e medios de transporte destinados especificamente á actividade deportiva, un paso innovador que reforza a capacidade dos nosos clubs para seguir crecendo e competindo.

Este esforzo responde a unha visión clara: apostar polo deporte como eixe vertebrador da provincia apoiando de maneira decidida os clubs locais, que son a esencia das nosas competicións e o mellor exemplo do talento e da paixón que caracterizan a nosa xente. Así o demostra o apoio a máis de 700 clubs subvencionados a través das diferentes liñas de axudas —estatal, inferior, náutico e de elite—, que consolida a fortaleza e diversidade da “provincia do deporte”.

Con todas estas iniciativas, a Deputación de Pontevedra avanza no seu compromiso de innovar, apostar e consolidar cada acción para converter Pontevedra na verdadeira provincia do deporte, un proxecto compartido que impulsa oportunidades, valores e futuro para toda a cidadanía.