#CULTURA

+ESCÉNICAS

Circuíto de apoio á programación de artes escénicas en galego

Catálogo de Espectaculos

Julia Laport: Extender como si pudiera

  • Categoría: +DANZA

  • Dirixido a: Adulto

  • Duración do espectaculo: 15 minutos

  • Persoa representante : Lilian Portela - Amarelo Distribucion

  • Datos de contacto : 610 106 808 - lilian@amarelo.es

  • Páxina web do grupo : https://drive.google.com/file/d/1XFNsYP_d-QEz_r4qPeivN041BNItbAi7/view?usp=sharing

  • Sinopsis da compañia :

    Julia Laport (Oleiros, 1993) é bailarina e creadora escénica galega con base na Coruña, especializada en danzas urbanas e contemporánea, cunha investigación centrada na identidade, o corpo e a súa relación co contorno. O seu traballo nútrese de linguaxes como o Waacking, o Popping e a danza contemporánea, integrando contextos sociais e experiencias persoais vinculadas á migración e ao desprazamento, cun enfoque interdisciplinar, feminista e queer, poñendo os coidados no centro das súas creacións. Comezou a súa formación en artes escénicas desde nena e en 2011 trasladouse a Londres, onde afondou na cultura urbana e en disciplinas como o Popping, Hip Hop, House e Waacking. Posteriormente, en 2024 completou a formación Descalzinha Danza Madrid, consolidando o seu desenvolvemento na danza contemporánea e urbana. En 2016 fundou xunto a Sabela Domínguez a compañía Elahood, coa que produce, dirixe e interpreta espectáculos para teatros e espazos non convencionais, entre eles Intempestiva, premiada como mellor espectáculo no festival DZM e no 34º Certame Coreográfico de Madrid, e NÓ, estreada en 2022 e presentada en cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Tenerife, Sevilla ou Valladolid. Paralelamente dirixe o Colectivo D’elas, plataforma de creación colectiva desde a que desenvolve proxectos como É Difícil Fotografar o Baleiro, estreado en abril de 2024 con seis intérpretes en escena, presentado nos teatros máis importantes de Galicia, en Portugal e no festival DanzaXixón, e subvencionado pola Xunta de Galicia, así como Velaquich, Amoorch!, que gañou o premio do público no Certame Coreográfico de Madrid e explora a sobreactualización e a presión de estar sempre na última tendencia. No seu traballo en solitario, estreou en 2023 Extender como se puidese, un solo para espazos non convencionais premiado nos certames Solodos en Danza Ourense, Burgos New York e Solo Improvisa Madrid 2025, que lle permitiu realizar unha xira internacional en Costa Rica en novembro de 2024. Posteriormente estreou Para que non me deixes aquí soa en abril de 2025, espectáculo interdisciplinar co artista plástico Martín Gonçalves e a iluminadora Laura Iturralde, subvencionado pola Xunta de Galicia, consolidando o seu enfoque na converxencia de linguaxes e na investigación de procesos. Julia recibiu apoio en residencias artísticas en espazos como A Casa Vella, o Centro Coreográfico da Gomera, Graner Barcelona ou o Taller Nacional de Danza de Costa Rica, e compaxina o seu traballo de creación e interpretación coa docencia, impartindo obradoiros intensivos para profesionais e amateurs por toda a península. En marzo de 2026 realizará unha xira por Brasil e Colombia co seu solo Extender como si pudiera

  • Sinopsis do espectaculo:

    Extender como si pudiera é un solo de 15 minutos de duración da bailarina Julia Laport, creado para espazos non convencionais, que explora os límites e o ilimitado no corpo. Co acompañamento do psicanalista e filósofo brasileiro Igor Teo e da dramaturga Gena Baamonde, Julia procura levar o corpo ata o seu propio bordo, á capa máis externa anterior ao outro, levando a alma á superficie do rostro, dos dedos e da pel, nunha busca por atopar o límite, esa liña infinita que separa o profundo do leve. Este espectáculo é un encontro poético entre o corpo e a alma da artista e os corpos que observan, unha invitación ao espectador a entrar na intimidade da súa superficie e un intento de saír e mostrarse máis alá dos seus propios límites. Inspirada nas novelas de Milan Kundera e na obra de Eduardo Chillida, Julia explora o xesto, a apertura e a ilusión nun espectáculo que combina composicións musicais barrocas coas dinámicas das danzas urbanas. Aproveita a súa traxectoria en estilos como o vogue, o popping e o waacking, onde a fluidez e a precisión do xesto fican atrapadas nun corpo que busca expandirse e desfacer os seus límites. Premios e outros apoios: Primeiro premio no Certame SOLO Improvisa, Cuarta Pared, Madrid 2025 Finalista no Certame Burgos New York 2023 Premio Gira Solodos no Certame Solodos Ourense 2023 Residencia Graner Barcelona a través de Cruceiros ParaIso do Colectivo RPM

  • Caché con IVE : 825.0 €

  • Caché + produción técnica con IVE : 1200.0 €

  • Técnica