#CULTURA

+ESCÉNICAS

Circuíto de apoio á programación de artes escénicas en galego

Catálogo de Espectaculos

Julia Laport: Para que non me deixes aquí soa

  • Categoría: +DANZA

  • Dirixido a: Adulto

  • Duración do espectaculo: 60 minutos

  • Persoa representante : Lilian Portela - Amarelo Distribucion

  • Datos de contacto : 610 106 808 - lilian@amarelo.es

  • Páxina web do grupo : https://drive.google.com/file/d/1_Cd7VDN71K1UweD0ISvKZzLTAJo_umQC/view?usp=sharing

  • Sinopsis da compañia :

    Julia Laport (Oleiros, 1993) é bailarina e creadora escénica galega con base na Coruña, especializada en danzas urbanas e contemporánea, cunha investigación centrada na identidade, o corpo e a súa relación co contorno. O seu traballo nútrese de linguaxes como o Waacking, o Popping e a danza contemporánea, integrando contextos sociais e experiencias persoais vinculadas á migración e ao desprazamento, cun enfoque interdisciplinar, feminista e queer, poñendo os coidados no centro das súas creacións. Comezou a súa formación en artes escénicas desde nena e en 2011 trasladouse a Londres, onde afondou na cultura urbana e en disciplinas como o Popping, Hip Hop, House e Waacking. Posteriormente, en 2024 completou a formación Descalzinha Danza Madrid, consolidando o seu desenvolvemento na danza contemporánea e urbana. En 2016 fundou xunto a Sabela Domínguez a compañía Elahood, coa que produce, dirixe e interpreta espectáculos para teatros e espazos non convencionais, entre eles Intempestiva, premiada como mellor espectáculo no festival DZM e no 34º Certame Coreográfico de Madrid, e NÓ, estreada en 2022 e presentada en cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Tenerife, Sevilla ou Valladolid. Paralelamente dirixe o Colectivo D’elas, plataforma de creación colectiva desde a que desenvolve proxectos como É Difícil Fotografar o Baleiro, estreado en abril de 2024 con seis intérpretes en escena, presentado nos teatros máis importantes de Galicia, en Portugal e no festival DanzaXixón, e subvencionado pola Xunta de Galicia, así como Velaquich, Amoorch!, que gañou o premio do público no Certame Coreográfico de Madrid e explora a sobreactualización e a presión de estar sempre na última tendencia. No seu traballo en solitario, estreou en 2023 Extender como se puidese, un solo para espazos non convencionais premiado nos certames Solodos en Danza Ourense, Burgos New York e Solo Improvisa Madrid 2025, que lle permitiu realizar unha xira internacional en Costa Rica en novembro de 2024. Posteriormente estreou Para que non me deixes aquí soa en abril de 2025, espectáculo interdisciplinar co artista plástico Martín Gonçalves e a iluminadora Laura Iturralde, subvencionado pola Xunta de Galicia, consolidando o seu enfoque na converxencia de linguaxes e na investigación de procesos. Julia recibiu apoio en residencias artísticas en espazos como A Casa Vella, o Centro Coreográfico da Gomera, Graner Barcelona ou o Taller Nacional de Danza de Costa Rica, e compaxina o seu traballo de creación e interpretación coa docencia, impartindo obradoiros intensivos para profesionais e amateurs por toda a península. En marzo de 2026 realizará unha xira por Brasil e Colombia co seu solo Extender como se puidese.

  • Sinopsis do espectaculo:

    Para que non me deixes aquí soa é un espectáculo multidisciplinar de danza, artes plásticas e iluminación. Unha proposta de Julia Laport para teatros e auditorios, cunha duración de 60 minutos. O espectáculo é unha cocreación da artista do movemento Julia Laport, da iluminadora Laura Iturralde, que acompaña cunha instalación lumínica e iluminación en directo desde o escenario; e do artista plástico Martín Gonçalves, que traballa en vivo con materiais como o barro e as pólas. A obra explora o territorio entre o belo e o grotesco a través dun diálogo entre corpo, luz e materia. Danzas urbanas, manipulación de materiais e un dispositivo lumínico vivo entrelázanse para transformar o espazo e abrir un tránsito compartido, no que o corpo se expón, se transforma e se cuestiona. Trátase dunha procura que atravesa as máscaras da identidade e as formas do desexo de ser outra cousa, abrindo fendas na presenza na procura da transcendencia. O espectáculo navega entre o íntimo e o superficial, o filosófico e o cotián: desde reflexións sobre a existencia do eu ata referencias ao trap e a estéticas emerxentes. O seu ritmo dinámico e cambiante combina movemento, luz, palabra e materia nunha experiencia escénica coidadosamente construída. A presenza de Iturralde e Gonçalves oscila entre o acompañamento á intérprete e unha voz propia en escena. Nesa tensión, os tres corpos comparten un diálogo que difumina os límites do individuo e explora a identidade persoal a través da experiencia do outro.

  • Caché con IVE : 2420.0 €

  • Caché + produción técnica con IVE : 3050.0 €

  • Técnica